Este verán coñecer o Castelo de Soutomaior vai ser máis divertido para os pequenos da casa porque acaba de comezar un programa de visitas teatralizadas que percorre o recinto medieval. Ata finais do vindeiro mes de setembro, dúas funcións semanais darán a coñecer a historia da fortaleza e dos seus ilustres habitantes.

Da man do trobador e da bufona comeza o paseo que leva ao público a percorrer as estancias do castelo de Soutomaior en que viviron Pedro Madruga, os Marqueses da Vega e María Vinyals, precursora do feminismo. Grazas ás pistas que aportan as visións do cociñeiro do castelo, os visitantes axudan a rescatar un cabaleiro preso.

Cancións, xogos e animacións engaden emoción ao percorrido polo monumento histórico. A dramatización vaise representar cada luns e xoves ata finais do vindeiro mes de setembro e as entradas poden adquirirse a través da Internet.