O Concello de Soutomaior puso en marcha un proxecto chamado «Escola Municipal de Horta urbana ecolóxica». Este proxecto de educación e sensibilización medioambiental que implica a varias Concellerías baséase no respecto profundo á natureza e ós seus diferentes ecosistemas, procurando un cultivo racional con medios naturais que conserven as características do chan e o enriquezan ano tras ano; por iso, utilizaremos técnicas agrícolas respetuosas co medio Ambiente que recollan o saber tradicional e a biodinámica.

A Escola Horta comezou cun curso de iniciación á agricultura ecolóxica que se desenvolveu en marzo durante o cal o alumnado deseñou os bancais para laboreo, acolchado, plantación de horta de tempada para logo traballar aromáticas, recoñecemento de pragas, etc.

É un proxecto aberto coa condición de estar empadroados/as en Soutomaior, ter a idade mínima para ser titular dunha parcela/horta e as condicións óptimas para desenvolver da labor agrícola

Unha das alumnas Edelmira Vidal non tivera contacto algún co cultivo ecolóxico con anterioridade aínda que sempre lle gustou poder cultivar pola súa conta. Edelmira considera que este curso foi moi interesante xa que aprendeu moitas cousas que descoñecía e agora mira o cultivo ecolóxico doutro xeito .