Máis de 50 expositores amosaron as composicións florais que se poideron gozar en diversos escaparates comerciais de todo o Concello de Soutomaior. Máis de cen metros cadrados de composicións florais, coas variedades máis buscadas, encheron o Pavillón Municipal de arte e cor.

Con máis de 30 expositores locais e 20 doutros municipios como Salceda ou Vilagarcía de Arousa, superando así as 50 composicións florais e confirmando o éxito de participación desta edición. O Certame da Camelia é un dos fins de semana máis esperados do ano para os afeccionados á xardinería e a floricultura ao que tradicionalmente asisten centos de persoas.

A mostra púdose visitar durante todo o fin de semana. O xurado estivo formado por membros da Asociación Española da Camelia e o seu fallo foi entregado sobre ás 18:00 horas do domingo. Entre as clases de premios houbo trofeos para as tres mellores propostas de: Mellor Flor, Mellor Composición Artística e Mellor Traballo Escolar. Ademais haberá premios para os dous mellores concursantes nas disciplinas de Mellor Flor en Escaparate e Mellor Composición Artística en Escaparate e o Premio Especial Lelita Gradín, en honra á creadora orixinal do certame.