O Concello de Soutomaior abre o prazo para participar na comparsa municipal de entroido e desfilar co resto de comparsas anotadas que se realizará o domingo 18 de febreiro de 2018. Un ano máis co fin de promover a participación da xente nova e do resto de veciños e veciñas Xuventude convoca un obradoiro de elaboración da comparsa durante o cal as persoas inscritas confeccionarán os disfraces, prepararán a coreografía e tamén a caracterización.

Nesta actividade poden participar persoas de todas as idades incluídos os menores de 4 anos que deberán ir acompañados/as dunha persoa adulta durante o desfile. O obradoiro realizarase os días 9,12,14,17 de febreiro en horarios de mañá ou de tarde dependendo do día porque se adaptan ao horario lectivo. A participación neste obradoiro é de balde e inclúe todos os materiais necesarios para a confección do disfraz. Durante o desfile as persoas inscritas no obradoiro irán acompañadas por animadores/as que dinamizarán o percorrido e o festexo deste Entroido 2018. O prazo de inscrición remata o 5 de febreiro. As persoas interesadas poderán anotarse na OMIX, TEL. 986700822. As prazas son limitadas.

ComparteEmail this to someoneShare on FacebookTweet about this on TwitterShare on Google+