O presidente da Xunta, Núñez Feijóo, abriu o curso de ESO e Bacharelato no novo centro de Soutomaior, un dos poucos municipio galegos que crece en poboación. O alcalde, Agustín Reguera, falou dun día “histórico” para o Concello. O seu director, Modesto Campos, salientou “o reto” de poñelo en marcha e a implicación do profesorado.

O curso 2018-19 comezou onte con grandes novidades no mapa educativo de Soutomaior. Tras a chegada dos alumnos de infantil ao CEIP Padin Truiteiro a semana pasada, hoxe o novo instituto público foi o escenario escollido para o inicio oficial do novo curso escolar de ESO e Bacharelato en Galicia. O acto contou coa presenza do presidente da Xunta, Alberto Nuñez Feijoo, o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, e o alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera, entre outros responsables da administración local e autonómica.

Coñecedor do esforzo que supuxo facer realidade o novo centro, o alcalde Agustín Reguera afirmou que esta inauguración é algo “moi especial” para o Concello, xa que “transforma a estrutura educativa de Soutomaior”. E amosouse moi satisfeito de que por primeira vez os alumnos de Bacharelato non teñan que desprazarse fóra do municipio “o que lles aforrará tempo e cartos”. O alcalde amosouse “moi ilusionado” por estrear un instituto “moderno, eficiente e ecolóxico”. Reguera falou da “importancia da mocidade” en Soutomaior, un dos poucos municipios galegos cun saldo vexetatitvo positivo, e salientou a preocupación do goberno local tanto pola formación como polo ocio dos mozos. O alcalde tamén salinetou o esforzo do Concello para facer realidade o instituto, coa doazón da parcela de 23.000 metros cadrados onde se ubica, así como as obras de urbanización, cun orzamento de 450.000 euros. E agradeceu a implicación do profesorado do centro e o equipo directivo “que quedou sen vacacións este verán para conseguir que o instituto puidese comezar o curso”.

 

ComparteEmail this to someoneShare on FacebookTweet about this on TwitterShare on Google+