A mostra, que tradicionalmente levaba a cabo no Castelo de Soutomaior, trasládase este ano ao citado recinto deportivo debido aos traballos de recuperación do patrimonio que impiden a súa celebración nos xardíns da fortaleza medieval. Máis de 50 expositores xa teñen confirmada a súa asistencia ademais das composicións florais que se poderán gozar en diversos escaparates comerciais de todo o Concello de Soutomaior. Máis de cen metros cadrados de composicións florais, coas variedades máis buscadas, encherán o Pavillón Municipal de arte e cor.

Este ano a mostra contará con máis de 30 expositores locais e 20 doutros municipios como Salceda ou Vilagarcía de Arousa, superando así as 50 composicións florais e confirmando o éxito de participación desta edición. O Certame da Camelia é un dos fins de semana máis esperados do ano para os afeccionados á xardinería e a floricultura ao que tradicionalmente asisten centos de persoas.

A mostra poderase visitar durante todo o fin de semana. O sábado o horario da exposición será de 16:00 a 20:00 horas mentres que o domingo a mostra estará aberta desde as 11,00 a 13,30 h. e de 16,00 a 19,00 horas.. O xurado está formado por membros da Asociación Española da Camelia e o seu fallo e a entrega de premios terá lugar ás 18:00 horas do domingo. Esta edición conta con varias clases de premios con trofeos para as tres mellores propostas de: Mellor Flor, Mellor Composición Artística e Mellor Traballo Escolar. Ademais haberá premios para os dous mellores concursantes nas disciplinas de Mellor Flor en Escaparate e Mellor Composición Artística en Escaparate e o Premio Especial Lelita Gradín, en honra á creadora orixinal do certame.Os triunfadores en cada categoría recibirán un exclusivo exemplar desta apreciada especie floral. No caso dos traballos escolares, os premios incluirán un lote de libros para nenos.