Pola súa banda, o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Nuñez Feijoo, falou da importancia desta inauguración, xa que se trata “do primeiro instituto na historia de Soutomaior “. Este curso comezaron no centro máis de 300 alumnos, pero as instalacións teñen capacidade para ata 480 rapaces. Unha boa nova para este municipio, dixo, xa que “investir en educación é investir en futuro”. Este novo centro vén a cubrir “unha débeda con Soutomaior”, segundo Feijóo, xa que xunto a remodelación do CEIP Padín Truiteiro, permite completar o ciclo formativo dos rapaces no municipio desde os 3 ata os 18 anos de idade. Unha obra que é realidade grazas á colaboración entre a Xunta de Galicia e o Concello, e que evita que os alumnos de Bacharelato teñan que desprazarse a Redondela ou Pontevedra para realizar os seus estudos. O presidente galego reivindicou en Soutomaior que unha Galicia mellor se constrúe cunha educación pública “con máis linguas, con máis tecnoloxía, con máis materias científicas e con mellores salarios para os docentes”. Feijóo aseverou que con todos estes avances se conseguirá consolidar todo o que se logrou nestes últimos anos: unha Galicia co menor abandono escolar desde que hai rexistros, ao terse reducido desde case o 26% ata por debaixo do 15%. Feijóo apostou por un ensino de máis calidade e máis equitativo, tal e como recoñece o informe PISA; e que apoia as familias, co maior sistema de transporte escolar gratuíto de España e cun sistema de fondos de libros e axudas que o ano pasado chegou a case 140.000 fogares.

ComparteEmail this to someoneShare on FacebookTweet about this on TwitterShare on Google+