O programa municipal de celebración da festa do Samaín deste ano conta con novidades para fomentar a participación da xente nova nesta festa popular galega. O Samaín foi a orixe de todo. En gaélico, Samhain significa «fin do verán», pois os/as antigos/as celtas celebrábano nese momento de transición do estío ao inverno. Esta celebración milenaria ten lugar cada ano, durante a noite que vai do 31 de outubro ao 1 de novembro, nunha desas datas nas que se conta que é máis fácil transitar entre dous mundos: o dos vivos e o dos mortos. Co fin de recuperar e poñer en valor as nosas festas populares e a tradición cultural de Galicia a Concellería de Xuventude programa unha serie de actividades co fin de promover a participación activa dos mozos e mozas pero tamén de todos os veciños e veciñas do Concello de Soutomaior como unha gran festa interxeneracional.

O programa deste ano inclúe novidades como o concurso de selfies que estará aberto desde o día 31 de outubro ata o 3 de novembro, a actividade truco-trato orientación especial samaín que se realizará o mércores 31 de outubro ou as actividades do sábado 3 de novembro que este ano serán xogos populares, maquillaxes, maxia cómica e animacións de rúa a cargo de Troula.

Para a de truco- trato hai que inscribirse previamente ata o 26 de outubro.

ComparteEmail this to someoneShare on FacebookTweet about this on TwitterShare on Google+