O castelo de Soutomaior data do século XII, pero vai dar tal salto tecnolóxico que se os seus habitantes daquela revivisen, quedarían pampos. O castelo vai reabrir ao grande, estreando un proxecto cheo de historia, claro, pero tamén de vangarda, modernidade e novas tecnoloxías, para que todos os visitantes poidan coñecer de xeito interactivo a historia do castelo e de quen viviu alí.

A musealizaicón do castelo de Soutomaior é unha actuación que pretende poñer a disposición dos visitantes unha información centrada na historia desta fortaleza e das persoas que nela viviron. A xente coñecerá a Pedro Madruga, Antonio Aguilar ou a María Vinyals, algúns dos máis afamados propietarios deste castelo que data do século doce. Hai ata 9 espazos informativos con 7 recursos audiovisuais cunha duración duns 45 minutos e recursos didácticos enfocados a todos os públicos. Esta musealización consta de tres caixas máxicas que a través dun xogo de luces e espellos a xente pode ver o modo de vida de todos os personaxes vencellados ao Castelo de Soutomaior.

O percorrido iníciase tras pasar a ponte levadiza, alí hai diversos atrís onde se explican os elementos arquitectónicos que compoñen a fortaleza. No interior da torre, que ordenaron derrubar os Reis Católicos, hai un videomapa que narra toda a historia de Pedro Madruga. A Galería das Damas é un dos lugares máis característico da reforma, onde a xente poderá ver as tres maquetas que explican os grandes momentos da transformación do Castelo de Soutomair. A partir do 12 de maio estará aberto para toda a xente que queira visitar esta fortaleza que forma parte da nosa historia. Esta rehabilitación busca que sexa un dos símbolos de identidade da provincia de Pontevedra.