Con motivo da posta en servizo da remodelación do pavillón municipal tivo lugar un festival deportivo no que interviron os clubs de Patinaxe Artística Soutomaior, Kick Boxing Club Arcade e Club Treboada de ximnasia rítmica e acrobática. Máis de 160 deportistas dos tres clubs, que forman parte das escolas deportivas, puxeron a proba as remodelacións desta instalación deportiva onde se procedeu á substitución do pavimento deportivo tipo areaelástico con acabado de haxa sobre soportes elásticos de caucho.

Realizouse o desmonte e retirada da instalación de fontanería actual en ferro galvanizado, elementos de conexión, chaves de paso, válvulas mesturadoras, fluxores, chaves e rociadores e substitúense por novas unidades temporizadas. En canto á iluminación interior do pavillón púxose en marcha o cambio de 18 unidades de proxectores colocados na estrutura da cuberta, actualmente de halogenuro de 400 W, por novas unidades de campá con fonte de luz Módulo LED de 165 W cun fluxo luminoso de 20500 lm.

Tamén na zona exterior cambiáronse 8 unidades na pista de tenis e e 4 unidades na pista de pádel. Substituiranse os taboleiros de baloncesto por uns de metacrilato de resistencia a impactos elevada e con aros de canastra basculantes conforme ás esixencias da normativa FIBA e instalarase un sistema de adaptación de altura de baloncesto para minibasquet.