O Certame da Camelia é un dos máis esperados para os afeccionados á xardinería e a floricultura de toda Galicia e conta cada ano con máis de mil asistentes xa que constitúe unha magnífica oportunidade para gozar dos impresionantes xardíns de Excelencia Internacional do Castelo de Soutomaior, os primeiros de España e os sétimos de Europa en recibir esta distinción. O sábado o horario da exposición será de 16:00 a 20:00 horas mentres que o domingo a mostra estará aberta desde as dez da mañá ata as 18,30 horas que terá lugar a entrega de premios. O xurado está formado por membros da Asociación Española da Camelia e o seu fallo e a entrega de premios terá lugar ás 18:00 horas do domingo. Esta edición conta con varias clases de premios.

As categorías da mellor Flor, a Mellor Composición Artística e o Mellor Traballo Escolar contarán con trofeos para as tres mellores propostas. Os alumnos dos colexios do Concello de Soutomaior tamén competirán este ano coas súas exposicións coa beleza e orixinalidade cos escaparates de varios comercios locais, adornados con esta fermosa flor típica de Galicia. Ademais, haberá premios para os dous mellores concursantes nas disciplinas de Mellor Flor en Escaparate e Mellor Composición Artística en Escaparate e o Premio Especial Lelita Gradín, en honra á creadora orixinal do certame. Os triunfadores en cada categoría recibirán un exclusivo exemplar desta apreciada especie floral. No caso dos traballos escolares, os premios incluirán un lote de libros. A tarde do domingo estará amenizada musicalmente polo grupo “ The Soul Brealers”