Os concellos de Soutomaior e Pazos de Borbén finalizaron o segundo taller de emprego que organizan de forma conxunta e que leva o nome do pequeno río co que limitan ambos os municipios, o “Rio Pequeno”. Unha iniciativa de carácter formativo que proporcionou a 20 veciños de ambos os concellos un certificado de profesionalidade de nivel 2 nas especialidades de cociña e restaurante-bar. O acto contou coa participación do alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera, a tenente de alcalde de Pazos de Borbén, Eloisa Nogueira, e a delegada da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández-Tapias.

Durante os nove meses que durou o ciclo, os participantes organizaron, con gran éxito, varias actividades dirixidas a diversos sectores da poboación como as súas xornadas dedicadas á dieta saudable para a terceira idade, actividades escolares para fomentar bos hábitos alimenticios, xornadas para profesionais, un servizo de comedor social e diversas actividades organizadas por ambos os Concellos nos que os alumnos ofrecían un cátering profesional para acompañar ao evento.

A actividade detívose durante máis de tres meses polo estado de alarma. Unha vez de volta, o 1 de xullo, os participantes dividíronse en grupos burbulla segundo a súa especialidade para evitar contagios e incluíron os protocolos anticovid específicos para a hostalería entre a súa formación.

O taller estaba dirixido a persoas maiores de 25 anos que carecían dunha profesión, permitíndolles obter o certificado de profesionalidade que favoreza a súa empregabilidade, e tamén como oportunidade de reciclaxe para aqueles que despois de moito tempo traballando atopábanse nestes momentos desempregados pola situación económica actual.

 

Fonte Gabinete Soutomaior