O alumnado de 2º da ESO do IES Soutomaior participou no programa «Brigadas ecolóxicas: lixus marítimus» organizado pola Concellería de Educación do Concello de Soutomaior. Trátase dunha campaña de sensibilización sobre o uso excesivo de plásticos nas nosas vidas e a súa posterior xestión, descontrolada, como residuo que afecta de maneira directa á nosa contorna e ao noso planeta.
Para isto participaron nunha primeira charla introductoria a cargo das educadoras medioambientais, realizaron a acción de limpeza e reciclado do lixo, cumprimentaron unha ficha técnica e logo gozaron dun obradoiro de estampaxe de sumidoiros sobre bolsas de tea. E, como non tamén tiveron tempo para o descanso e para disfrutar dun día xenial na natureza. Foi unha xornada moi interesante e divertida que se repetirá este mércores con outros dous grupos da ESO. En total participan nesta iniciativa 72 alumnos e alumnas.
Queremos agradecer a colaboración do IES de Soutomaior e do seu profesorado porque fixeron posible esta actividade educativa e de sensibilización. Tamén agradecer a colaboración e acompañamento da Agrupación de Protección Civíl de Soutomaior durante toda a xornada facilitando os desprazamentos e poñendo á nosa disposición todos os seus recursos e bo facer.
Esta campaña inclúese dentro do programa de accións programadas polo Día Internacional do Medio Ambiente e que se levarán a cabo desde esta semana ata mediados do mes de xuño.