«Levamos practicamente unha semana estables. Temos a incidencia a 14 días alta, porque de momento o gromo non pasou deses 14 días, pero eu creo que os datos a 7 días están sendo xa bos», informa Agustín Reguera, alcalde de Soutomaior.

Amósase optimista o alcalde. O cribado realizado á xente nova foi un éxito. Eles son os que máis se desprazan e os máis vulnerables para contaxiar e ser contaxiados.

«Moita xente vai traballar a Vigo, a Pontevedra, a Redondela, cólleno no traballo ou cando están a comer e entón volven para aquí e os casos sóbennos a nós», comenta un veciño. «Eu non sei o que pasa, a verdade é que a xente tamén é unha marrá porque está todo estercado de máscaras polo chan, pero imos ver, non hai colectores, non hai papeleiras?», fala unha traballadora do servizo de limpeza.

Os máis preocupados son, unha vez máis os hostaleiros que ven como o verán se achega. «Coma min estamos moitos, vimos arrastrando moita débeda e coma min moitos, pero eu grazas a Deus aínda podo ter a porta aberta, porque este verán pode ser o que non salve ou o que nos peche», explica Rosmari Cortiñas, hostaleira.

Cunha incidencia de máis de 200 casos, Soutomaior vai ter que estar cando menos 7 días máis soportando restricións. Outros concellos, como Mos, Oroso, Viveiro e Xove que subiron canda el, melloraron os datos e poderán en poucos días recuperar ocupacións.

Fonte:TVG