O incendio declarouse contra a unha e cuarto da madrugada no ático dun inmoble na rúa Rosalía de Castro 8 interior de Arcade. Un curtocircuíto nun enchufe do cuarto dun cativo de sete anos puido ser a orixe do incendio que calcinou a habitación do cativo, que por sorte non estaba dentro. Providencial foi tamén a actuación de Olimpio, un veciño xubilado do mar que foi o primeiro en actuar contra as lapas. Ata o lugar tamén se achegaron dúas dotacións de Proteción Civil, os bombeiros do Morrazo e a Garda Civil. Os labores duraron preto de dúas horas. Todo quedou nun susto, agás para a muller e o cativo do piso incendiado, xa que o cuarto quedou totalmente estragado.