O Concello de Soutomaior ven de rematar o programa xuvenil Encontro da Mocidade que se realizou desde o 19 ata o 22 de agosto na Illa de San Simón. Este programa consistiu en ofrecer unha proposta de participación facilitadora de espazos de encontro e interacción entre a mocidade do municipio en contextos informais e espazos naturais para traballar temas culturais que resulten de interese para a mocidade mediante metodoloxías lúdicas e creativas.

Nesta ocasión a temática estivo baseada no cinema cunha particular visión o CINEMA 3.0. As persoas participantes atopáronse durante a súa estancia en San Simón cun prató de cinema xa que a cinefilia, impregnou todas as actividades e tivo presente a historia da Illa poñendo en valor o seu patrimonio material e inmaterial.

Durante este encontro traballouse por grupos de idade, segundo o desenvolvemento evolutivo dos participantes. Vai dirixida a mozos e mozas de 12 a 17 anos. A metodoloxía de traballo foi lúdica, dinámica e divertida na que se fomentou o traballo en equipo e a cooperación baseada en todo momento no xogo e a diversión como método didáctico para que as persoas participantes sexan as verdadeiras protagonistas.

Algunhas das actividades que se realizaron foron: concurso de interpretación de películas, xincana de Cinema, Cinema Trivial, obradoiros de caracterización, Keysroom scape, cluedo, gravación de curtas, etc.