O Concello de Soutomaior celebra este domingo día 10 de marzo o seu tradicional desfile de Entroido. A cota de inscrición completouse hai tempo garantindo a presenza das 20 comparsas que podían participar como máximo ademais da realizada polos nenos do concello que asisten ao taller de comparsas municipal. Quedaron en reserva outras 14 agrupacións que por falta de espazo non poderán participar e para substituír a algunha das admitidas por se lle xurdise algún problema de asistencia

As comparsas volverán demostrar a súa creatividade e imaxinación nun colorido desfile de Entroido, cargado de orixinais creacións e moito humor. O tradicional desfile de comparsas dará comezo ás 17:00 horas no cruze da avenida Xosé Solla co Calvario. Desde alí, as agrupacións encherán de alegría, música e cor a rúa principal de Arcade no seu camiño ata a Alameda Talo Río. Abrirán o desfile 4 “ saltamontes” xigantes que animarán ao público durante todo o percorrido. A xornada terminará cunha gran festa chea de diversión e música onde a actuación do grupo “ 3. Com “poñerá a bailar aos asistentes ata as 22:00 horas. Ademais das comparsas do municipio, este ano desfilarán outras de Redondela, Pontesampaio, Pontellas, Bembrive , Matamá,etc.

A relación de comparsas que desfilarán son: “O Verduxo”, Comparsa A Vila,- Amigos dos Rapaces, Moreira A Tope, Miúdos, As Marchosas de Arcade, Comparsa Pontellas, Airiños da Peneda, Os Festeiros de Bembrive, Mulleres Rurais de Xustáns, A Pandilla, Revolución Show, A.R.C. de Guizán, Trompos Ós Pés, Terra de Condes , Os Rumorosos de Pondal, Os 100 Tolos, Os Amoriños de Bora, As Sonecas e As catro estacións de Matamá. Desde o Concello de Soutomaior infórmase que a partir das 16.00, pecharase ao tráfico a Avda. Xosé Solla e a Rúa Rosalía de Castro e que estará prohibido aparcar desde as 15:00 h. nas citadas rúas desde o cruzamento coa rúa Cochón, polo que se agradece a colaboración veciñal para evitar problemas. En caso de aplazamento debido ao mal tempo o desfile trasladarase ao próximo domingo 17 de marzo