Os eventos máis grandes do verán celébranse a vindeira fin de semana no Peirao de Arcade. Así é como leva días anunciando o Concello de Soutomaior o salón lúdico e do videoxogo “Videoxogando”, pensado para facer as delicias de todos os gamers e que terá lugar o venres 8 e o sábado 9 de xullo, e o festival “Soutomareiro” o día 9, que contará coas actuacións de Chaleco Reflectante, Grande Amore e EME DJ

Un espazo educativo e de lecer con zonas para xogar, crear, expoñer, compartir, movernos e comer… dirixido a todas a idades. Así se presenta VideoXogando. Nel mesturarase o educativo e o lúdico cunha proposta de zonas específicas e outra destinada a actividades, como por exemplo obradoiros, charlas, mesas redondas, concertos… nas que se poderá interactuar con profesionais do mundo do videoxogo e das tecnoloxías da información e comunicación, aprender e conversar sobre novas profesión e outros temas de interese sobre o tema.

Durante estas dúas xornadas, en horario de 17.00 a 22.00 horas o venres, e de 11.00a 21.00 horas o sábado, todos os amantes dos videoxogos poderán gozar de actividades e postos con todo tipo de elementos relacionado con este mundo.

Neste sentido, o salón contará cun posto cos últimos lanzamentos de Nintendo e un bo número de consolas para que todos os poidan probar. Ademais, haberá unha zona para os máis adultos con xogos retro que os farán volver a aqueles días de gloria. Non faltarán tampouco unhas cantas mostras de xogos indie, para quen busca novas sensacións lonxe do entretemento ‘mainstream’.

Pero Videoxogando non só é un salón de videoxogos no que probar títulos de todo tipo, tamén é un evento social. Por iso, dende o Concello contactouse con Kings Dragon, o equipo de Mario Kart referente en Galicia, para que organice un torneo deste popular xogo. Neste senso, todas as persoas interesadas en participar deben inscribirse en liña, na web municipal, con prazo ata o vindeiro mércores, 6 de xullo.

Tamén están abertas as inscricións en liña para os tres obradoiros programados. “Aprende cos teus fillos”, para público familiar de máis de 6 anos, celebrarse tanto o venres como o sábado, e o último día tamén se realizará “Xogando a aprender”, no que se formarán dous grupos un de rapazada de entre 9 e 11 anos e outro de maiores de 12.
Para o que non é preciso inscrición previa é para as sesións guiadas de xogo “Just Dance 2022”, que o venres terá lugar a primeira e o sábado realizaranse dúas máis, nin para as mesas redondas que versarán sobre os temas: “A que xogan os meus fillos” e “Profesións impensables no videoxogo”.

Tamén a música terá o seu oco neste salón lúdico e do videoxogo. Virá da man da concertista que une a súa paixón musical ao mundo do videoxogo poñéndolle música e creando contidos que triunfan en Twich. Ela é Elesky, que ofrecerá un concerto o venres 8 ás 21.00 horas.

A música proseguirá na noite do sábado 9. Tras dúas xornadas de diversión entre videoxogos, chega a quenda do Festival “Soutomareiro”, un evento musical que traerá ao Peirao de Arcade as actuacións de Chaleco Reflectante, que será o encargado de abrir o evento antes do prato forte: Grande Amore, un músico chamado a revolucionar o panorama galego e que tocou en festivais de gran envergadura por toda España, como o Portamerica, o Osa do Mar ou o Caudal Fest.

EME Dj será a encargada do fin de festa coa súa sesión de música e ritmo.